Deportes

O PORTUS APOSTOLI REGRESA Á COMPETICIÓN O DOMINGO

Logo dunha fin de semana de parón pola disputa da Copa regresa a Primeira División do fútbol sala nacional. O Noia Portus Apostoli vivirá unha nova final para manterse na loita pola permanencia, aínda que terá que medirse a un dos catro mellores equipos da competición: o Mallorca Palma Futsal.

Os cuartos clasificados visitan o domingo o Agustín Mourís, que se agarda que se encha para arroupar aos noieses neste difícil encontro. O conxunto adestrado por Manuel Cossío e David Palma aproveitou a semana sen liga para seguir traballando en equipo de cara a cumprir o principal obxectivo: acadar a salvación. Este domingo os brancos terán un reto maiúsculo ao recibir ao Palma Futsal, pero o Portus Apostoli precisa vencer e agardar o tropezo dos seus rivais para saír do último lugar da clasificación.

Para iso o Noia deberá realizar un partido case perfecto, non conceder ocos atrás nin ter desconexións defensivas e por suposto non perdoar as ocasións de gol que xeren. Os da vila noiesa buscarán seguir na dinámica crecente das últimas xornadas, pero sen deixar escapar a vitoria nos últimos intres do duelo.

O domingo a partir das 13.00 horas o balón comezará a rodar sobre o parqué do Agustín Mourís onde o Noia Portus Apostoli e o Mallorca Palma Futsal se verán as caras.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.