Deportes

O SAN SADURNIÑO DEIXOU A VITORIA NA CASA NO SEU DUELO CO ROTOGAL

Respírase algo de nostalxia previa á fin de algo, nesta ocasión da Superliga 2. O Boiro Voleibol disputou esta fin de semana o seu penúltimo partido da liga regular ante un dos mellores equipos do grupo A: o Intasa San Sadurniño. O conxunto adestrado por Adrián Alves viaxou ata Ferrol coa idea de loitar por cada punto, pero os segundos clasificados amosaron a súa superioridade dende que o balón se puxo en xogo.

O San Sadurniño non deu moita marxe de manobra ao Rotogal no primeiro parcial, no que o dominio local foi claro. Sen embargo a figura de Renato Mendes amosou o seu potencial para manter vivos aos boirenses que foron superados neste acto por 25-14.

O segundo set comezou con aires renovados e o Boiro Voleibol saltou con máis determinación ao parqué. Os pupilos de Chicho Alves foron afinando a puntería para acurtar diferencias cos ferroláns, que se volveron a anotar o set por 25-18.

A pesar de verse 2-0, o equipo do Barbanza non deu o encontro por perdido e aproveitouse da relaxación local para poñerse pod diante no marcador. Distancia que o Intasa non puido igualar e que supuxo que os boirenses se anotaran o primeiro set do encontro logo de impoñerse por 19-25.

O San Sadurniño non quería máis sorpresas e os xogadores locais foron a por todas no cuarto período. O conxunto de Boiro non deu o brazo a torcer con facilidade aínda que os locais se apuntaron o definitivo set por 25-19.

3-1 final, nova derrota para o Rotogal que afrontará o derradeiro encontro da temporada o vindeiro día 6. E o fará no noveno lugar.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.