O atleta vasco Martín Fiz vén de confirmar á organización da carreira popular Sin Son 10k a súa participación na proba, que terá lugar o vindeiro 18 de decembro. O atleta, gañador de prestixiosos maratóns internacionais na década dos 90, fará un parón en Porto do Son antes de continuar co seu reto persoal: converterse no primeiro atleta veterano de máis de 50 anos que gaña de forma consecutiva a Six Majors, é dicir, as seis maratóns máis prestixiosas do mundo.
Martín Fiz logrou cruzar a meta en primeiro lugar da súa categoría nas maratóns de Nova York, Tokio, Boston e Berlín e xa só lle quedan as de Londres e Chicago, que se celebrarán o vindeiro ano.
Martín Fiz estima que ao longo da súa carreira como deportista terá percorridos uns 300.000 quilómetros. O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, agradece e valora moi especialmente a participación deste atleta vasco destacando ademais que “o feito de que estes deportistas amosen o seu interese por participar na proba vén a sumar recoñecemento e prestixio”.
Neste sentido, Luis Oujo tamén salientou que desde que se abriu o prazo de inscrición o pasado 14 de outubro, “xa o fixeron máis de 800 persoas” a animou a que se siga incrementando o número de participantes nun evento que suporá para Porto do Son “unha gran proxección ao tempo que nos sitúa no mapa das carreiras populares máis singulares de Galicia”. As inscricións poden facerse a través da web oficial da carreira www.sin-son10k.com, onde se atopa ademais toda a información da mesma.
A proba absoluta da Sin Son 10K 2016 ten unha distancia de 10 km en ruta desde Portosín ata Porto do Son e comezará ese día ás 10,30 horas.
https://www.youtube.com/watch?v=GKq9aAZ04Kw