A Cachada vivirá este sábado o penúltimo encontro da Superliga 2. Esta fin de semana dispútase a vixésima xornada da categoría de prata do voleibol nacional na que o Rotogal se verá as caras co Arona Playa Cristianos, terceiro clasificado do grupo A que quere apurar as súas opcións de estar na fase de ascenso na pista do Barbanza.
O conxunto adestrado por Adrián Alves chega a este encontro con sensacións encontradas xa que vén de perder tres encontros seguidos pero no derradeiro set ante o Textil Santanderina amosouse unha melloría no xogo. O Rotogal non está atopando o camiño á vitoria nas últimas xornadas, xeira que o levou a ocupar o noveno lugar da clasificación. Polo que busca recuperar sensacións e afastarse da zona baixa, algo que pasa por vencer este sábado ao Arona.
Os tinerfeños chegan á Cachada en boa dinámica logo de vencer na pasada xornada ao Extremadura Grupo Laura Otero por 3-1. Agora mesmo son terceiros do grupo A e precisan gañar para apurar as súas opcións de poder disputar a fase de ascenso á Superliga polo que sairán á pista a polo encontro.
Os precedentes non son positivos para o Boiro Voleibol xa que en Tenerife o Arona impuxo a súa lei vencendo por 3-1 con parciais de 25-16, 25-27, 25-12 e 25-17. Resultado que queren mudar os de alves.
O duelo entre o Rotogal e o Arona terá lugar este sábado a partir das 19.00 horas na Cachada.